1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Fragas do Eume

Acción compartida para a posta en valor do territorio

Como compatibilizar a conservación dun espazo natural protexido co desenvolvemento sostible? Co apoio da Fundación MOP, RIA impulsa un proceso de análise, diálogo e planificación estratéxica nas Fragas do Eume orientado a construír consensos entre administracións, axentes locais, sector produtivo e comunidade científica, co obxectivo de activar proxectos piloto capaces de mellorar a xestión do parque e reforzar a súa relación coa contorna.

Promotor
Fundación RIA

 

Apoio
Fundación MOP

Colaboración

Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez

 

 

 

Ano
2025–en curso

Localización
Parque Natural das Fragas do Eume

O Parque Natural das Fragas do Eume é un dos sete parques naturais de Galicia e alberga un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa. Cunha superficie superior ás 9.000 hectáreas, abrangue parte dos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, reunindo unha grande riqueza ecolóxica, paisaxística e patrimonial.

A súa condición de espazo protexido convive, porén, cunha realidade territorial complexa. A estrutura da propiedade, a aplicación da normativa, unha forte presión turística concentrada nalgúns puntos, a perda de poboación residente, o abandono de determinadas actividades produtivas e a dificultade para coordinar múltiples administracións e axentes de diferentes niveis fan necesaria unha aproximación integral, capaz de superar a fragmentación sectorial.

Neste contexto, a Fundación RIA desenvolve un proceso independente de traballo co obxectivo de identificar retos compartidos, construír puntos de consenso e definir accións concretas que contribúan á conservación activa das Fragas do Eume.

A iniciativa procura avanzar cara a unha visión común do parque como un territorio vivo, no que a protección dos valores ambientais poida dialogar coa actividade económica, a cultura local, o uso público responsable e a mellora da calidade de vida da súa contorna.

Este proxecto conta co apoio da Fundación MOP, que dende 2024 colabora con RIA en procesos de planificación e deseño estratéxico orientados a xerar un impacto positivo e duradeiro no territorio.

A paisaxe do Eume ofrece unha grande riqueza ecolóxica e patrimonial, ao tempo que presenta importantes desafíos de gobernanza e sustentabilidade.

Da análise territorial á acción compartida

O proceso parte dun reconocimiento territorial das Fragas do Eume apoiado na documentación existente, na cartografía, nas visitas de campo e no diálogo cos axentes vinculados ao parque. Esta aproximación busca comprender de maneira integrada tanto as condicións físicas e ambientais do parque como as dinámicas sociais, produtivas e institucionais que condicionan a súa conservación e xestión.

O traballo de campo achega unha comprensión máis precisa dos distintos ámbitos do parque, desde os seus accesos, camiños, áreas de maior presión turística, elementos patrimoniais, zonas produtivas e espazos con potencial de actuación. Este traballo complétase co estudo da estrutura da propiedade, das figuras de protección, das actividades agrarias e das relacións entre os núcleos de poboación, as infraestruturas e os recursos naturais.

En paralelo, las reuniones y entrevistas con los diferentes agentes del territorio permiten identificar necesidades compartidas, conflitos e oportunidades para o futuro do parque, informando o diagnóstico. A partir dos consensos que van xurdindo ao longo do proceso, o proxecto identifica accións piloto capaces de activar recursos existentes, fortalecer a colaboración entre os distintos axentes e demostrar a viabilidade de novas formas de conservación activa e desenvolvemento sostible.

Neste marco, articúlanse varias liñas de actuación: a mellora dun camiño existente para diversificar os accesos ao parque e reforzar a súa funcionalidade; a recuperación dunha senda entre Caaveiro e Monfero para ampliar a lectura patrimonial e paisaxística das Fragas; a creación dun grupo de traballo co sector produtivo local para explorar novas oportunidades de valorización do territorio; e o impulso dunha convocatoria aberta de proxectos que permita incorporar novas iniciativas, axentes e capacidades ao proceso.

Recuperar un camiño para diversificar os accesos ao parque

Unha das principais dificultades para o bo funcionamento do Parque Natural está relacionada coa escasa articulación territorial dos seus accesos e percorridos internos. A concentración do uso público no eixo de Pontedeume cara ao Mosteiro de Caaveiro dificulta a xestión do parque, aumenta a vulnerabilidade ante riscos, accidentes ou emerxencias e provoca episodios de masificación turística en determinados puntos.

Neste contexto, a recuperación do Camiño Novo permitiría avanzar cara a unha rede de accesos máis equilibrada e funcional. Esta senda, de sección variable e pouco máis de dous quilómetros, une A Ventureira con Caaveiro, aínda que actualmente o seu último tramo non é accesible. Malia estar xa presente no territorio, esta senda non funciona plenamente como infraestrutura de acceso e o acondicionamento dun tramo de 250 metros permitiría completar unha conexión alternativa co parque, reforzar a mobilidade interna e aliviar a dependencia do acceso máis saturado.

A intervención podería ter tamén unha función estratéxica desde o punto de vista da seguridade e da xestión territorial. A existencia dun novo acceso funcional permitiría ofrecer apoio en situacións de emerxencia, mellorar as condicións de evacuación ante incendios forestais e reducir a vulnerabilidade asociada a treitos actuais que sofren afeccións por inundación ou deterioro do firme. Como proxecto piloto, a actuación aspira a establecer unha referencia de intervención física nunha contorna natural protexida, tanto pola calidade da súa execución como polo proceso de consenso e a viabilidade técnica que require.

A definición do camiño deberá atender á integración paisaxística, á accesibilidade e á seguridade, garantindo ao mesmo tempo o respecto ecolóxico e unha funcionalidade adecuada ao uso público e á xestión do parque. O obxectivo é avanzar cara a un equilibrio real entre conservación e uso, evitando solucións sobredimensionadas e reforzando o valor do camiño como infraestrutura ao servizo do territorio.

Ampliar a visión do parque cunha senda entre mosteiros

Outra das liñas de traballo propón recuperar e poñer en valor unha antiga senda que recupere conexións territoriais perdidas polo cambio de uso do territorio. Esta actuación permitiría reforzar a relación entre o Mosteiro de Caaveiro, o Mosteiro de Monfero e outros elementos patrimoniais e paisaxísticos da contorna, como pontes, infraestruturas hidráulicas, presas, camiños tradicionais e restos vinculados aos usos históricos do río.

A proposta busca ampliar o relato público das Fragas, hoxe moi centrado en Caaveiro, cara a unha lectura máis ampla do parque como paisaxe cultural. Recuperar estes percorridos permitiría diversificar a experiencia dos visitantes, distribuír mellor os fluxos turísticos e visibilizar outros valores do territorio que permanecen menos recoñecidos.

A senda podería funcionar tamén como ferramenta de divulgación e educación ambiental, poñendo en valor o patrimonio do Eume. A través dunha intervención coidadosa, compatible coa normativa e coa sensibilidade ecolóxica do espazo, esta liña de traballo espera reforzar a comprensión das Fragas como un territorio construído ao longo do tempo pola relación simbiótica entre a contorna e a súa comunidade.

Aproveitamento e manexo do territorio desde o sector produtivo

A actividade agrogandeira forma parte da identidade territorial do Eume e continúa a desempeñar un papel relevante na xestión da paisaxe. A presenza de explotacións agrarias, de leite, carne, mel ou actividades complementarias evidencia unha base produtiva diversa e activa.

O proxecto propón traballar cun grupo de acción formado por explotacións dos cinco concellos, incorporando perfís diversos en canto a orientación produtiva e experiencia. A través de reunións, visitas e sesións de traballo, este grupo busca identificar necesidades compartidas e definir proxectos piloto capaces de contribuír de maneira efectiva á mellora do sector, formando parte tamén da súa posta en marcha.

Entre as posibles liñas de actuación aparecen a formación orientada á especialización, a aposta pola diversificación de canles de comercialización; a posta en valor do produto local, apostando pola calidade, a diferenciación e a identidade territorial; así como a comunicación, a educación alimentaria e a divulgación con centros educativos. O obxectivo é reforzar a conexión entre produción e territorio, visibilizando o papel das explotacións na conservación activa da paisaxe e explorando novas formas de xerar valor arredor dos produtos do Eume.

Esta liña de traballo parte da idea de que a conservación dun espazo natural non depende unicamente da protección normativa, senón tamén da continuidade de actividades produtivas sostibles capaces de manter o territorio vivo, coidado e economicamente activo.

Unha convocatoria para activar novas iniciativas

Como complemento ao proceso de análise e definición de proxectos piloto, impulsarase unha convocatoria aberta orientada a activar novas iniciativas arredor das Fragas do Eume. A convocatoria buscará apoiar proxectos concretos, viables e orientados á acción, con capacidade para xerar un impacto positivo, tanxible e duradeiro no territorio.

O ámbito da convocatoria abranguerá os cinco concellos incluídos no Parque Natural e estará aberta a persoas, empresas, cooperativas, asociacións, comunidades de montes, centros educativos, universidades, administracións públicas e outras entidades ou agrupacións. Priorizaranse propostas que contribúan á conservación e mellora da xestión do territorio, reforcen o papel do Parque Natural como activo estratéxico para o desenvolvemento local e incorporen modelos de colaboración abertos entre distintos axentes.

A convocatoria poderá acoller proxectos vinculados á arquitectura, á mobilidade, á rehabilitación de espazos ou infraestruturas, á actividade económica e produtiva, á transformación e comercialización de recursos locais, á divulgación, á educación ambiental ou á participación cidadá. Quedarán exluídas as propostas centradas exclusivamente na investigación, na planificación teórica ou no financiamento de gastos correntes, priorizando iniciativas concretas e orientadas á acción.

Yale University inicia una colaboración de tres años con la Fundación RIA

El MIT otorga el Leventhal City Prize al proyecto “A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética”