Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC
A experiencia de RIA establecendo vínculos entre sectores produtivos, comunidade científica e administracións, así como deseñando estratexias de desenvolvemento sostible e rexeneración urbana, permite asesorar e coordinar o proceso, fomentando a participación de todos os axentes implicados e desenvolvendo un labor de comunicación pública do proxecto.
Promotor
Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC)
Equipo y colaboradores
Fundación RIA
Ano
2021-2023
Localización
Teis, Vigo
En 2012, a Xunta de Galicia aproba o Plan Sectorial de Ordenación Territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar para os terreos da Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), en Vigo. Con este plan, os antigos terreos militares cambian de uso para promover a creación dun campus de investigación mariña capaz de acoller diversas institucións. O IIM, un dos centros do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), é a primeira institución en establecerse nunha das parcelas da ETEA.
As necesidades de espazo do IIM, a proxección de crecemento futuro e o potencial de xerar sinerxías con outras institucións, impulsan ao CSIC e ao Ministerio a financiar este proxecto, co que se pretende poñer en marcha un proceso aberto a outras institucións presentes na cidade de Vigo, como a Facultade de Ciencias do Mar da UVigo, o CETMAR, o IEO ou a Axencia Europea de Pesca.
Por estas razóns, este proxecto, de especial relevancia para o IIM, o CSIC, a cidade de Vigo e Galicia en xeral, quere desenvolverse dun modo exemplar, aproveitando todas as oportunidades que se presentan.
A Fundación RIA desenvolve un estudo sobre a primeira fase do proxecto de traslado do IIM. O encargo ten como obxecto realizar unha análise do marco do proxecto e elaborar unha proposta de ordenación que garanta a integración na contorna natural, urbana e social do novo conxunto de edificios, respondendo de modo adecuado ás necesidades programáticas do IIM.
Vigo, un polo da investigación mariña
A nova localización do IIM será a antiga base naval de Ríos, localizada no barrio obreiro de Teis. Creada en 1916, converteuse en Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) nos anos 50. A área abarca 100.000m² e alberga 30 edificios que suman 30.000m² construídos, ademais de embarcadoiros e antigos polvoríns.
A reubicación do IIM permite crecer das 200 persoas traballadoras actuais a 350, ademais de relacionarse con outras institucións como a Universidade de Vigo e centros de investigación.
A Unidade Tecnolóxica Mariña do CSIC, ente a cargo da loxística e xestión tecnolóxica dos catro buques de investigación oceanográfica do CSIC, e a Base Atlántica Española serán localizados na mesma área. Por iso, a vontade do IIM é que a nova localización se converta nun polo de referencia internacional na investigación mariña, fomentando a transferencia tecnolóxica aos sectores involucrados e promovendo a divulgación das ciencias mariñas na sociedade, a escala local, rexional, nacional e internacional.
O IIM, establecido en Vigo en 1951, é o centro máis importante do CSIC de investigación mariña no Atlántico e é un centro de referencia en Galicia.
O IIM, establecido en Vigo en 1951, é o centro máis importante do CSIC de investigación mariña no Atlántico e é un centro de referencia en Galicia.
Estudos previos
O proxecto comeza co estudo do programa do IIM, as instalacións e os usos presentes, identificando e caracterizando os diferentes tipos de espazos e as súas relacións funcionais.
Este traballo complétase cunha análise da ETEA e a súa contorna, recoñecendo os seus valores ambientais e patrimoniais, e unha análise do barrio de Ríos, atendendo á súa estrutura urbana e social. Paralelamente, realízase un estudo do marco normativo (PXOM, Plan Sectorial e Proxecto Sectorial) que define os condicionantes de ocupación da parcela.
Para coñecer as dinámicas cotiás do centro e as principais dificultades que atravesa o persoal durante o desenvolvemento das súas actividades, realízanse tres visitas para reunirse con representantes de grupos de investigación e servizos. Deste modo, o CSIC atopa unha base de información obxectiva e contrastada co persoal do centro que contribúe a definir os pregos técnicos do eventual concurso de arquitectura, así como avaliar posteriormente as propostas presentadas.
Proposta de ordenación
A proposta comeza cunha ordenación dos volumes e os usos na parcela. Os criterios que se teñen en conta son, principalmente, satisfacer as necesidades detectadas do persoal e as actividades do IIM, así como a boa integración dos edificios na contorna.
Das enquisas e as visitas realizadas conclúese que é necesario aumentar as superficies de despachos e laboratorios para mellorar o funcionamento do centro. Tamén, é habilitar superficie de almacenaxe para poder liberar de máquinas e armarios os espazos de traballo e as zonas de paso. Esta medida, xunto coa adopción dun esquema de distribución racional e compacto, permite mellorar as condicións actuais de Bouzas.
Dada a situación orzamentaria, é necesario que o novo complexo contemple unha execución secuencial, permitindo manter a calidade da edificación en todas as súas fases conforme ao que se esixe a un centro de investigación desta natureza.
A primeira fase debe integrar os espazos que esixen máis requirimentos de instalacións como os acuarios, planta piloto, salas especiais, etc. A partir destes, configúranse o resto das estancias, concretamente despachos, laboratorios e almacéns. Este criterio na primeira fase permite ao IIM crecer e acometer as fases posteriores sen afectar ao núcleo da investigación.
Nas seguintes fases de crecemento, unha vez satisfeitas as necesidades básicas do IIM, proponse a colmatación da edificabilidade coa incorporación de espazos máis flexibles, espazos diáfanos e pouco tecnificados que poderían ser ocupados inicialmente por un fervedoiro de empresas, startups, spin-offs ou empresas consolidadas con convenio co IIM.
Concurso de arquitectura
O concurso de arquitectura para a nova sede do IIM convocado polo CSIC apóiase no traballo da Fundación RIA, ao realizar unha análise de necesidades funcionais e condicións urbanísticas da zona, con participación dos grupos de investigación, axentes sociais e institucións relacionadas.
A Fundación RIA tamén contribúe á difusión deste concurso, mediante a elaboración dun documento informativo dirixido aos potenciais participantes, co obxectivo de describir o seu contexto histórico, territorial e investigador, e resumir a información de interese: honorarios, premios, calendario ou requisitos para participar.
O proxecto gañador do concurso foi elaborado polos navarros Pereda Pérez Arquitectos e MRM Arquitectos. O xurado destacou da súa proposta aspectos como a posta en valor do patrimonio existente, a boa adaptación á topografía da parcela —reducindo o impacto paisaxístico do conxunto— ou o emprego de solucións construtivas económicas con materiais de fácil mantemento.
Como colofón do concurso, tivo lugar unha exposición na ETEA en xullo de 2023 na que a veciñanza puido coñecer todas as candidaturas presentadas e que ademais supuxo unha gran oportunidade para dar a coñecer á sociedade o labor que fan o IIM e o CSIC, xunto coa importancia que un centro de referencia internacional da investigación mariña terá para o futuro de Vigo e de Galicia.
Para máis información sobre o proceso consulta o dosier divulgativo do concurso