Laboratorio Ecosocial do Barbanza
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é unha iniciativa transformadora que, de forma colaborativa e multidisciplinar, traballa xunto ás comunidades locais para impulsar unha transición cara á sustentabilidade ambiental e aumentar a resiliencia na xestión territorial dos montes do Barbanza a través do fomento da biodiversidade, a economía circular e a creación de emprego verde.
Entidade financiadora na actualidade
Fundación Biodiversidad del MITECO
Entidades financiadoras en fases anteriores
Fundación Banco Santander
Fundación RIA
Cátedra Juana de Vega
Entidade coordinadora
Fundación RIA
Ano
2020-Actualidade
Localización
O Barbanza, A Coruña
Tomando o traballo previo dos últimos catro anos como punto de partida, en 2024 o Laboratorio foi seleccionado na convocatoria de axudas para o fomento da bioeconomía forestal da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), recibindo un impulso de 2 millóns de euros para a xestión sostible do territorio no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
RIA coordina este proxecto integrado pola Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela (a través do CISPAC e os grupos de investigación Histagra e Uxafores), a Universidade Pablo de Olavide, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola.
As orixes do Laboratorio
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza naceu como un proxecto de investigación e acción co que demostrar unha hipótese: para garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental dos territorios é imprescindible a participación activa das comunidades locais.
Desde os seus inicios, o proxecto centra a súa mirada nunha rexión moi concreta de Galicia, a península do Barbanza, para – nunha primeira fase (2020), de investigación – poñer en valor as formas de manexo do territorio levadas a cabo historicamente polas comunidades locais e – en fases sucesivas (desde 2021), de acción – impulsar iniciativas na rexión que se rexen polos mesmos principios de sustentabilidade.
De todo este proceso aspírase a extraer leccións coas que mostrar posibles achegamentos a cuestións económicas, sociais e ambientais que son relevantes máis aló deste territorio.
A proposta seleccionada por Fundación Biodiversidad
Tomando este traballo como punto de partida, a proposta seleccionada por Fundación Biodiversidad é froito do traballo conxunto de Fundación RIA, Plataforma pola Defensa do Monte e as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) que a integran, a CMVMC de Baroña, Universidade de Santiago (CISPAC e grupos Histagra e Uxafores), Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Fundación Montescola e Concello de Rianxo, que suman forzas para poñer en marcha este proxecto transformador.
Cos obxectivos de xerar emprego e oportunidades económicas, conservar a biodiversidade e previr incendios forestais, ao longo de 2024 e 2025 intervirase nos montes para reactivar áreas abandonadas, introducir gandaría rexenerativa e aproveitar e transformar os recursos de forma sostible; xeraranse capacidades a través dun programa de obradoiros formativos, accións educativas e voluntariado ambiental; avaliarase o potencial da xestión comunitaria do territorio, do aproveitamento enerxético colectivo, así como da rehabilitación de solos e a captura de carbono. Por último, comunicarase todo o proceso para que poida servir de inspiración a outros territorios e informar políticas públicas.
Coñece máis sobre o Laboratorio Ecosocial do Barbanza a través da páxina do proxecto.