1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Mellora da mobilidade de Ribadavia

Estratexia para a dinamización comercial do casco histórico

RIA desenvolveu en Ribadavia un proceso de análise integral da mobilidade no núcleo urbano, propoñendo unha serie de actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade e o funcionamento do casco histórico como soporte da actividade económica local, nunha iniciativa que busca ser replicable noutras vilas galegas.

Promotor
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Colaboración
Concello de Ribadavia

Ano
2025

Localización
Ribadavia, Ourense

 

A vila de Ribadavia, capital da comarca do Ribeiro, desempeña un papel fundamental  como centro de servizos, comercio e vida social da zona, actuando como nodo que dá soporte a múltiples núcleos da contorna. Neste contexto, a mobilidade é un reto fundamental. O aumento do tráfico, a competencia polo espazo público e a crecente demanda de aparcamento son algúns dos desafíos que se presentan na actualidade, condicionando tanto a calidade de vida da veciñanza como o dinamismo do comercio local.

Neste contexto, o traballo realizado pola Fundación RIA centrouse nun estudo integral da situación da mobilidade na vila, analizando a evolución histórica do núcleo, identificando as principais problemáticas da actualidade e propoñendo unha nova estratexia de mobilidade que contribúa á posta en valor do casco histórico.

 

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Vilas Vivas, promovido pola Xunta de Galicia, que busca revitalizar as vilas galegas mediante a reactivación do comercio de proximidade, a posta en valor do patrimonio e a creación de sinerxías entre comercio, artesanía e turismo, configurando un modelo replicable de dinamización urbana.

Deste xeito, Ribadavia preséntase como un caso piloto de recuperación do casco histórico como espazo comercial e cultural de referencia, que poida ser adaptado e replicado noutras vilas galegas.

Unha análise integral e dinámica

Ribadavia presenta un funcionamento urbano marcado por fortes oscilacións estacionais, condicionadas tanto pola vida cotiá da poboación local como pola celebración puntual de eventos de grande afluencia, contando ademais cun aumento de poboación notable nos meses de verán vinculado coas segundas residencias.

Esta característica requiriu a realización dunha análise dinámica que tivese en conta as variacións dos fluxos de afluencia ao longo do ano. Deste xeito, identificáronse tres escenarios de intensidade diferenciada en función da densidade peonil, o volume de tráfico rodado e o calendario de eventos festivos e culturais destacados.

Unha vez analizados estes fluxos, sinaláronse unha serie de situacións problemáticas recorrentes que afectan negativamente á mobilidade da vila, localizadas en puntos concretos do tecido urbano nos que conflúen altos volumes de persoas, vehículos e actividades.

Os días de mercado son un exemplo de escenario de alta afluencia de vehículos privados, provocando problemas de mobilidade na rúa do Progreso

Nova estratexia de mobilidade

Co obxectivo de resolver as problemáticas identificadas e mellorar a mobilidade tanto no casco histórico como no resto da vila, formuláronse unha serie de medidas orientadas a alcanzar un equilibrio entre o tránsito vehicular e peonil, favorecendo unha ordenación máis sostible e eficiente do espazo urbano.

No ámbito rodado, realizouse unha reestruturación dos percorridos viarios e unha reorganización das áreas de estacionamento, reducindo o tránsito de vehículos privados no centro de Ribadavia e propoñendo a peonalización integral do casco histórico. Para isto, introducíronse cambios de dirección e creáronse zonas de aparcamento periféricas en puntos estratéxicos.

Para favorecer a mobilidade peonil, ofrecendo unha alternativa viable e accesible ao vehículo privado, propuxéronse actuacións que inclúen a creación de novas beirarrúas e a prolongación das existentes, a reconfiguración de cruces, a eliminación de barreiras arquitectónicas ou a adaptación de elementos urbanos que dificultan a accesibilidade.

Ademais, para favorecer a transición cara o novo modelo, reformulouse a sinalización viaria e peonil, propoñendo unha estratexia específica para os días de grande afluencia. Por outra parte, actuouse tamén sobre o transporte público, optimizando as liñas de autobús e creando novas paradas.

A nova estratexia contempla tres escenarios de mobilidade, co obxectivo de adaptarse en función da afluencia de persoas e vehículos

Tres eixos para a dinamización do casco histórico

Como parte do proceso de análise desenvolvido por RIA, elaborouse un estudo da idade e estado das edificacións do núcleo urbano que permitiu distinguir claramente as diferentes fases construtivas da vila, certificando o bo estado de conservación do centro histórico. Ademais, prestouse especial atención á distribución de usos das edificacións na súa planta baixa, localizando locais en desuso e delimitando as zonas comerciais.

Este proceso de diagnóstico permitiu identificar tres eixos principais dentro da zona histórica: a Rúa Salgado Moscoso, o percorrido que une a Praza de abastos coa igrexa de San Xoán, e o eixo da Praza Maior. Estes núcleos atópanse, así mesmo, conectados entre si por unha serie de rúas que actúan como nexo.

Estes tres eixos propóñense como o epicentro para a dinamización comercial en conxunción co programa Vilas Vivas, no marco do cal o concello adquiriu unha serie de baixos en desuso para a súa recuperación a través dun concurso. Nun futuro, proxéctanse nestes locais propostas vinculadas coa artesanía, os produtos de calidade diferenciada e o pequeno comercio, que axuden a consolidar a Ribadavia como unha vila histórica viva e aberta.