1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Terreo común

David Chipperfield

Discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias de David Chipperfield
17 de setembro, 2025

Con motivo do seu ingreso como académico correspondente na Real Academia Galega de Ciencias, David Chipperfield impartiu o discurso titulado Common Ground (Terreo común), no que reflexionou sobre os retos ambientais e sociais contemporáneos e sobre a experiencia da Fundación RIA en Galicia.

 

En primeiro lugar, déixenme dicir que é unha grande honra recibir este recoñecemento. Síntome máis ben pouco cualificado para tal distinción. Non son científico nin son galego, e ademais o meu castelán é tan pobre que debo pronunciar este breve discurso de aceptación en inglés. Quero centrar a miña intervención na importancia da nosa contorna e en como inflúe na nosa calidade de vida. Intentarei explicar como os retos que temos no desenvolvemento e protección da nosa contorna nos esixen a todos –e especialmente á miña propia profesión– reaccionar fronte aos problemas do cambio climático e da desigualdade social. Explicarei brevemente por que e como, xunto coas miñas oficinas máis convencionais en Londres, Berlín, Milán e Shanghái, decidín poñer en marcha aquí en Santiago de Compostela o meu propio estudio ambiental, a Fundación RIA. Explicarei como desenvolvemos un programa baseado no diálogo, a investigación, a colaboración social e a realización práctica a través de proxectos reais.

A medida que inevitablemente tomamos máis conciencia do dano que lle fixemos ao noso medio natural, debemos aceptar que a maneira en que vivimos agora ameaza a forma en que viviremos no futuro. O xeito en que construímos as nosas cidades, vilas e estradas non só dana o noso medio, senón que ademais fomenta vantaxes e desvantaxes, acceso e exclusión, e socava a propia idea dunha sociedade equitativa. A medida que unha proporción crecente da poboación atopa máis dificultades para acceder á vivenda, e que os prezos do solo e dos alugueiros se disparan, descoidamos cada vez máis garantir que toda persoa, por dereito, dispoña dun lugar seguro e cómodo como dereito humano e como base da calidade de vida.

A forma en que planificamos as nosas vilas, cidades e aldeas non só é crítica para a nosa comodidade e seguridade individual, tamén determina a calidade da nosa vida social e cívica. Esta dobre provisión –comodidade e seguridade individual por unha banda, estrutura social e colectiva pola outra– demostrou ao longo da historia ser a base dunha sociedade sa, e porén nos últimos cincuenta anos volveuse cada vez máis difícil de garantir ou protexer. Non se trata de recursos nin de capacidade, senón de vontade e compromiso político.

Na miña propia cidade de Londres non pode haber exemplo máis explícito do fenómeno da mercantilización da arquitectura e da cidade. A cidade desenvolveuse non como resposta ás necesidades humanas, senón como parte dun mercado global de investimento. Esta construción non trata de facer unha cidade mellor; os edificios non responden a outra idea que á explotación do valor do solo. Neste proceso abandonáronse dous fundamentos de como faciamos as cidades: a oportunidade de representar valores colectivos e a de protexer e gozar da complexidade social e cultural que achega a densidade urbana.

Mesmo a unha escala máis modesta, a construción de vivendas non está guiada por consideracións de comunidade ou medio, senón por forzas comerciais e de conveniencia. Isto demostra do xeito máis explícito que non temos mecanismos para salvagardar esas preocupacións, para representar as nosas ideas de como deberiamos vivir. A planificación urbana foi substituída polo control do desenvolvemento. No canto de decidir onde debe producirse o desenvolvemento considerando prioridades sociais e cívicas, a planificación redúcese a tentar coordinar e dar sentido a enerxías impulsadas polo mercado. A planificación xa non dirixe, senón que segue. A inminente crise climática e a crecente crise de desigualdade social fan que xa non poidamos considerar estas cuestións como algo desafortunado e propio do noso tempo, senón como retos que debemos afrontar se queremos responder verdadeiramente a estes desafíos existenciais.

En 2012 fun convidado a ser director da Bienal de Arquitectura de Venecia. A bienal alterna coa de arte e é un dos eventos máis importantes para a comunidade arquitectónica. Durante os últimos 30 anos tendeuse a converter nun escaparate do talento individual, ofrecendo aos arquitectos a oportunidade de mostrar o seu traballo e as súas habilidades de deseño. Naquel momento pensei que, como profesión, tiñamos que examinar a nosa contribución colectiva ademais das nosas carreiras individuais. Como todos, deixámonos arrastrar pola enerxía da sociedade consumista e vimos as nosas tarefas determinadas máis polas prioridades do mercado que polas preocupacións da sociedade. Dado o crecente entendemento de que o sector da construción e o inmobiliario contribúen de xeito significativo tanto á degradación ambiental como ao cambio climático, e que tampouco fixeron moito por resolver a cuestión da vivenda accesible e dunha contorna segura que reducise os problemas crecente da desigualdade social, necesitabamos situar estas preocupacións en primeiro plano.

Na bienal Common Ground desafiei aos meus colegas a presentar traballos que demostrasen iniciativas colaborativas entre arquitectos, mostrando como podiamos traballar xuntos no canto de promover e perpetuar unha profesión competitiva e rival. Tamén os invitei a mostrar proxectos máis dirixidos aos intereses da comunidade que aos do comercio. O chamamento era ao ben común e a idea de terreo común non era só unha metáfora do que compartimos, senón un recordatorio de que tamén é unha realidade física.

A tarefa de dirixir a bienal chegou pouco despois de concluír un proxecto que influíu na miña actitude cara ao deseño e ao papel da colaboración non só entre colegas e clientes, senón coa comunidade en xeral. A reconstrución da ruína do Neues Museum na Illa dos Museos de Berlín implicounos a min e ao meu estudio nun proxecto que esixía non só as habilidades e responsabilidades convencionais, senón tamén unha implicación coas expectativas, emocións e inquedanzas da cidadanía de Berlín e de Alemaña. A reunificación alemá foi un enorme proxecto con implicacións políticas, emocionais, financeiras e físicas de grande envergadura. Estes asuntos concentráronse especialmente en Berlín, unha cidade totalmente deformada pola guerra e pola posterior partición de Alemaña. Dividida en dúas e logo illada no interior da Alemaña Oriental, Berlín Oeste desenvolveuse de maneira artificial durante os 50 anos posteriores á guerra. Ambas as partes da cidade dividida proxectaron as súas ideoloxías sobre este lugar exhausto. Coa caída do muro, esta pobre cidade tivo que afrontar de novo a súa complexa historia.

Neste contexto, o Neues Museum, que permanecera en ruínas durante todo o período da RDA, converteuse nun símbolo complexo e nun rexistro da historia. O noso proxecto non consistía simplemente en reconstruír. Comprometinme cunha idea de reconstruír e reparar a ruína monumental dun xeito que protexese as complexas capas da historia ao tempo que a convertiamos de novo nun museo en funcionamento. Foi un enfoque que irritou a moitos berlineses, xa fartos da historia. Existe un dito: todas as cidades teñen historia, pero Berlín ten demasiada. O enfoque polémico, intelectualmente correcto pero emocionalmente difícil, converteu o proxecto no centro de atención e debate sobre como debía Berlín enfrontarse ao seu complexo pasado no proceso de reconstruírse a si mesma.

Non pretendo explicar aquí o proxecto, só dicir que a experiencia nos obrigou a ver a complexidade e os desafíos non como limitacións a lamentar, senón como a propia razón da tarefa. Ensinounos que o diálogo e a reflexión aberta son a base dun proceso crítico. O noso proxecto non podía realizarse sen unha implicación seria coas preocupacións contraditorias da comunidade, non só de Berlín, senón de Alemaña. Realizar este proxecto dependía de reformular constantemente a pregunta ao mesmo tempo que desenvolviamos posibles solucións e respostas. A solución atópase no facer. E ese facer debe ser considerado e articulado con rigor, fortalecido pola exposición e non protexido ao ocultalo.

Durante os moitos anos de planificación desenvolvemos un proceso de implicación, diálogo e participación que nos permitiu determinar o deseño do xeito máis transparente posible, non como unha solución preconcebida, senón como un resultado que xurdía dun proceso participado. O escepticismo dos berlineses e berlinesas foi sempre unha presenza constante nas nosas preocupacións, non para ignoralo senón para consideralo e incorporalo. O proxecto estivo sempre no centro da discusión e aprendín a levar esa discusión á comunidade. Cría que era a miña responsabilidade cara á cidade e á súa xente, e de feito, como estranxeiro, non tiña dereito a comportarme doutra maneira. Os resultados foron afortunadamente ben recibidos, e o proxecto foi eloxiado xustamente polo que pretendiamos: un resultado fisicamente coherente que reunía pasado e futuro, os efectos negativos da destrución e os positivos da finalización.

Que ten que ver todo isto con Galicia e co traballo da fundación? A miña familia e máis eu pasamos cada verán durante os últimos 34 anos de vacacións na pequena vila mariñeira de Corrubedo. Pouco a pouco, as dúas semanas de vacacións convertéronse nun retiro de verán de dous meses ao que viñan colegas, empregados, clientes e amigos. O noso compromiso co lugar volveuse substancial, aínda que seguía sendo como visitantes agradecidos. O compromiso non foi accidental: atopamos en Galicia non só unha natureza fermosa e unha comida marabillosa, senón unha cultura directa e aparentemente menos preocupada polas aspiracións que tantas veces nos impoñemos. Como arquitecto, sempre me irritara a mala arquitectura e o mal desenvolvemento das vilas e cidades. Probablemente as vilas costeiras foron as máis castigadas, e Ribeira pode reclamar o título de capital do “feísmo”. Estando de vacacións aceptábao e pensaba que polo menos era unha fealdade honesta.

Finalmente, hai oito anos decidín aceptar o reto de considerar os factores que erosionaron a calidade das cidades, vilas e aldeas galegas nos últimos 50 anos. Por suposto, estes problemas non son unicamente galegos nin españois. Como xa expliquei, podemos identificar os mesmos problemas e tendencias en todas as partes. A situación é diferente en Londres e en Galicia, pero os factores son os mesmos: en todas os lugares loitamos por atopar un equilibrio entre desenvolvemento e protección. Loitamos por incluír as preocupacións complexas e contraditorias na forma en que desenvolvemos a nosa contorna.

Sempre nos queixamos do xeito en que cambian as cousas ao noso redor, aínda que ás veces haxa boas razóns para que se tomen determinadas decisións. Foi necesario construír, desenvolver industrias e mellorar os sistemas de comunicación e conexión. Iso non se cuestiona. Pero a medida que a escala destas operacións medra, tamén o fan as súas consecuencias. Canto maiores son estas operacións, máis dependen as decisións da vontade política e das realidades comerciais. A medida que este proceso se volve máis complexo, o lugar onde se materializan os resultados sepárase cada vez máis do lugar onde se toman as decisións, e quen decide está cada vez máis afastado dos afectados. Isto non é unha conspiración, non é unha cuestión de culpar nin de política, é un reto contemporáneo que non deberiamos ignorar.

Podemos desbotar estes problemas como erros ou actos de ignorancia, podemos xustificalos como o prezo do progreso, podemos aceptar as cousas como algo inevitable. Tamén podemos confundir causa e efecto. É feo un lugar por culpa dos edificios e, polo tanto, é só un problema de deseño? Ou é o deseño dos edificios consecuencia dun problema maior e en realidade son a expresión e non a causa? Quizais sexamos só nostálxicos: todos lembramos cando as nosas vilas eran máis fermosas e lamentamos o que lles aconteceu. Por suposto, podemos mirar ao pasado e imaxinar unha época máis harmoniosa, esquecendo os avances sociais e humanos significativos que acadamos mentres tanto. É difícil seleccionar que partes do progreso queremos e cales non. Pero se nos permitimos romantizar o pasado, podemos ver nesas imaxes unha relación entre a actividade humana, a contorna construída e a natureza. Unha relación que perdemos na nosa organización contemporánea. Se antes podiamos limitar a lamentar esta perda, agora debemos considerala con maior seriedade, non só como unha lembranza pintoresca, senón como un símbolo da nosa condición contemporánea, determinada pola nosa relación disfuncional coa natureza da que dependemos. Ese triángulo erosionouse, e a nosa contorna física e natural é unha proba innegable diso.

Non podemos desfacer os erros nin devolver as cousas ao seu estado orixinal, pero podemos intentar ser máis conscientes das consecuencias das nosas accións e tratar de reparar o dano. Pero isto só é posible se aceptamos que existe un problema. Volvémonos sorprendentemente tolerantes con estas situacións: convertéronse nunha nova normalidade, apartada pola cidadanía como algo incómodo pero inevitable e polos políticos como algo demasiado complexo e sensible de abordar. A medida que tomamos máis conciencia dos efectos do dano que creamos globalmente, comezamos a comprender que estas situacións non poden considerarse unicamente como unha vergoña ou unha molestia visual sen consecuencias graves. Agora vémolas non só polo que son, senón polo que representan: o fracaso de anticipar as consecuencias daniñas de decisións aparentemente inofensivas, non só nun lugar, senón como unha erosión acumulativa da nosa contorna.

Mesmo as accións tomadas coas mellores intencións, dentro dos límites e presións dun proceso operativo –manter o tráfico en funcionamento, responder a necesidades e prioridades– producen danos. Ninguén destrúe intencionadamente as nosas rúas, vilas, aldeas ou o noso medio natural, pero como sociedade establecemos prioridades e obxectivos sen comprender suficientemente os seus resultados nin reaccionar con suficiente forza ás súas consecuencias.

A crise ambiental que hoxe enfrontamos obríganos a reconsiderar a nosa forma de vivir e de tomar decisións. Debemos anticipar as consecuencias de como desenvolvemos a nosa contorna. Debemos elaborar procesos de decisión que, aínda que hoxe están inevitablemente dominados por resultados a curto prazo, se orienten máis cara aos efectos a longo prazo.

Como arquitectos e urbanistas, debemos ser coidadosos co por que construímos, que construímos e onde construímos. As respostas non son sinxelas e non é fácil afrontalas dentro das limitacións da arquitectura convencional. Hai oito anos decidín crear un estudio independente dedicado a estas cuestións. Se na profesión normal estamos constreñidos polos límites de cada proxecto –sen poder cuestionalos e limitándonos a dar respostas creativas– interesábame ir máis alá deses límites. Libre de restricións e de clientes podemos formular as preguntas: por que o centro desta cidade está cheo de tráfico? Por que hai tantos edificios baleiros e, con todo, seguimos construíndo en solo rústico? Por que se abandonan as aldeas do interior? Estas preguntas reclaman respostas que tentamos abordar, e esas respostas obrígannos a afastarnos da nosa materia ou coñecemento profesional. Unha vez que aceptamos que as decisións requiren conectar diferentes cuestións, volvemos á tarefa da implicación, a consulta, a colaboración, a comunicación. Afrontamos as nosas preocupacións sobre o medio e os seus retos a través de proxectos reais e, máis recentemente, a través do programa público de Casa RIA, onde intentamos usar o noso edificio como lugar de exposición, diálogo e investigación.

As ambicións e criterios da fundación son bastante directos. Baséanse sobre unha serie de conviccións fundamentais que non son científicas, pero que parecen ter solidez. En primeiro lugar, que as condicións físicas, ambientais, sociais e comerciais existentes en Galicia ofrécenlle unha gran oportunidade de acadar obxectivos de sustentabilidade máis facilmente do que podería ser posible noutras partes do mundo. Esta premisa baséase no feito de que Galicia non está dominada por grandes centros metropolitanos, que contén unha alta porcentaxe de superficie forestal, un sistema alimentario produtivo aínda a pequena escala e unha comunidade moi comprometida coas súas calidades naturais e cun gran coñecemento dos modos da natureza tanto na terra coma no mar. Con este coñecemento vén unha cultura que non foi extinguida, nin sequera baixo as forzas da sociedade moderna.

Intentarei resumir o que cremos que garantirá un futuro sostible para Galicia, tanto en termos de medio natural e construído como desde un punto de vista social e económico:

– Protexer e desenvolver o medio natural, considerándoo como o maior activo de Galicia, o seu capital natural.
– Considerar Galicia como unha unidade territorial que equilibre o desenvolvemento económico dentro dun marco social e ambiental.
– Fortalecer os sistemas de planificación e gobernanza para apoiar un enfoque territorial que incorpore as condicións locais, o coñecemento e a experiencia en políticas ben estratéxicas e coordinadas.
– Fomentar a innovación, o desenvolvemento e o investimento nos sectores tradicionais da alimentación e da silvicultura, considerando especialmente o desenvolvemento de industrias secundarias e terciarias.
– Priorizar a formación práctica e profesional nestes sectores para incrementar as oportunidades de emprego nas comunidades dispersas.
– Crear emprego mediante o desenvolvemento de industrias secundarias como extensión das industrias produtivas primarias da alimentación e da silvicultura.
– Desenvolver os sistemas de comunicación e transporte adaptados aos retos dunha comunidade dispersa.
– Revalorar e reparar o dano urbano en cidades, vilas e aldeas priorizando os valores e necesidades urbanas, sociais e cívicas convencionais.

A única maneira de que estes obxectivos se cumpran é mediante un esforzo común e a través dunha responsabilidade compartida. Non pode ser responsabilidade exclusiva do goberno nin debemos depender unicamente de exemplos extraordinarios de iniciativas individuais. O reto debe asumirse como un desafío colectivo, debe concentrarse nunha misión común. Non deberiamos depender nin quedar paralizados pola política convencional. Os problemas ambientais están máis alá da política institucional.

Tras 40 anos traballando en todo o mundo como arquitecto, familiariceime coa dificultade de tentar conciliar obxectivos idealistas con realidades prácticas. Todos vivimos neste territorio ambiguo, pero no plano profesional resulta especialmente definitorio. Na planificación, é sequera posible imaxinar obxectivos se non parecen prácticos dadas as condicións? Por outra banda, facer unicamente o posible, o realizable, o factible política ou financeiramente significa que a nosa contorna só pode ser consecuencia de accións prácticas. Como podemos articular criterios e darlles estatus sen que parezan inxenuos ou pouco realistas? A nosa contorna é a consecuencia do realista.

Os proxectos da fundación tentan traballar aceptando estas dúas condicións. Cremos que é fundamental acadar resultados e, por definición, isto limita a dimensión e a escala do proxecto. Con todo, consideramos que cada proxecto “realizable” se sitúa dentro dun obxectivo maior. Por exemplo, o traballo que fixemos na estrada AC-305 pode considerarse unha mera mellora local de beirarrúas e tráfico –que o é–, pero a súa misión forma parte dunha idea máis ampla: protexer o carácter urbano dunha vila que quedara distorsionada polos efectos dunha estrada principal que a partía en dous. Conseguimos, traballando coa Xunta, co alcalde e coa comunidade, desenvolver un proxecto modesto que tenta reparar esta condición, cando menos dentro dos límites do posible. Esta iniciativa forma parte dunha idea máis ampla de reducir os efectos negativos do tráfico, mellorar o transporte compartido e reparar o tecido das vilas dando prioridade aos peóns fronte aos coches.

Para desenvolver esta idea nas múltiples vilas situadas ao longo da AC-305 necesitamos tamén pensar en como poden encargarse e realizarse proxectos deste tipo e, máis importante aínda, como as obras de infraestrutura pública poden abordar non só cuestións de practicidade e enxeñaría, senón tamén converterse en proxectos socialmente inclusivos que consideren as calidades cívicas, estéticas e comunitarias da vila. Co apoio da Fundación Marta Ortega desenvolvemos unhas directrices urbanas e de tráfico e puxemos en marcha un concurso para asegurar que esta tarefa recibe a importancia que merece. Este é un dos moitos concursos que estamos a organizar. Cremos que definir a tarefa e encargar e controlar o proceso é fundamental para desenvolver proxectos de intervención e protección máis enraizados.

Partimos como arquitectos, mirando os edificios en ruínas ou as estradas brutais que atravesan centros urbanos mal planificados. E en canto miras un pouco máis alá, apenas a uns metros, xa estás no medio rural, unha paisaxe produtiva definida polos recursos locais e as formas de produción. Os cambios dos últimos 50 anos transformaron radicalmente a maneira en que xestionamos a terra, os nosos recursos e ecosistemas. Os avances da industrialización e as ansias por ser modernos transformaron en apenas medio século os equilibrios dos nosos ecosistemas, fragmentando as temáticas (a agricultura, a silvicultura, o urbano) sen considerar as interdependencias e os equilibrios ecolóxicos. Observamos o noso territorio como un mapa, separando capas, sen ter en conta o papel das comunidades locais e a organización territorial das aldeas neste sistema. Hoxe sufrimos os efectos deses desequilibrios: incendios incontrolables alimentados polo abandono rural, as plantacións monofuncionais e o despoboamento.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza, unha colaboración entre a Fundación RIA e a Universidade de Santiago de Compostela, leva máis de cinco anos traballando coas comunidades de montes veciñais do lugar, apoiando as súas iniciativas con asesoramento técnico, axuda en gobernanza, contribucións financeiras e accións de comunicación. As ciencias aplicadas, as institucións de planificación e a acción comunitaria combináronse baixo o terreo común do ben común. A misión: acadar un territorio máis resiliente nun lugar onde os incendios recorrentes poñen en risco non só a biodiversidade, senón tamén a vida das persoas e os ingresos económicos de milleiros de familias que dependen dos recursos mariños das rías de Arousa e Muros.

Poucos lugares ilustran mellor a realidade do terreo común ca as comunidades de montes. O monte veciñal representa aproximadamente un 20% do territorio galego. Aínda que poida parecer anacrónico no noso mundo moderno, estas comunidades, máis que unha representación doutro tempo e doutro xeito de vida, poden entenderse como unha maneira de coidar a nosa paisaxe e a comunidade. A semana pasada este proxecto foi recoñecido polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico como un dos 39 proxectos emblemáticos entre máis de mil iniciativas financiadas. Non fai falta dicir canto nos honra recibir este premio como coordinadores do proxecto. Pero nesta tarefa debemos dar crédito ás comunidades locais, que con valentía asumiron a responsabilidade de aceptar este desafío e a gran tarefa que supón xestionar unha importante axuda financiada pola Unión Europea.

Hai un ano trasladámonos á nosa nova sede en Santiago, na rúa Virxe da Cerca. Isto non só nos permite ampliar as actividades de investigación e desenvolver os nosos proxectos en curso, tamén nos permite abrir o debate nun foro máis público. Xunto cos estudios contamos cunha sala de exposicións, unha sala de conferencias e salas de reunións para eventos. Na planta baixa temos unha cantina que serve ao noso persoal, pero tamén ás persoas visitantes do edificio. As dúas plantas superiores ofrecen aloxamento a grupos de estudantes, investigadores e profesorado visitante.

Os temas das exposicións son variados e complétanse cunha activa serie de charlas e conferencias sobre os temas escollidos. Este ano a principal exposición estivo dedicada aos mercados de abastos galegos. Preocupábanos que se estivese a subestimar a súa importancia e que as propias prazas sofresen os cambios nos hábitos de consumo contemporáneos. Creo que todos valoramos estes lugares non só como espazos cívicos nas vilas e cidades, senón como centros sociais. E, o máis importante no contexto galego, son celebracións da produción local e de tempada de alimentos, que está no corazón mesmo da comunidade. Vimos en moitos outros lugares como estes mercados se convertiron pouco a pouco en entretemento gastronómico para turistas, e cremos que isto debe ser resistido. A exposición foi unha oportunidade para reunir produtores e representantes do sector alimentario e debater sobre o futuro dunha produción a pequena escala e de alta calidade.

Se a bienal Common Ground trataba de superar o individualismo na arquitectura, agora os desafíos ambientais presentes e futuros esixen superar a sectorización das disciplinas e establecer un terreo común entre disciplinas, sectores e institucións. Ao considerar a tarefa de revitalizar o mundo rural comprobamos canto de soas e desconectadas están as iniciativas locais, e canto precisan apoio administrativo, legal, técnico e científico. Na nosa misión de promover estas iniciativas, queremos darlles visibilidade e fomentar a creación e consolidación do que podemos chamar “entidades facilitadoras”. Entidades que ofrezan este apoio ás iniciativas locais, como a Fundación RIA fai á unha pequena e modesta escala. Quero facer un chamamento á comunidade científica para que se comprometa con estes desafíos e ofreza o seu coñecemento para ser aplicado en proxectos piloto, como parte dun ecosistema local que poida florecer cara a un futuro resiliente, sostible e próspero.

A natureza de Galicia non só define o seu carácter, senón que durante tantos anos moldeou á súa xente. Unha poboación que traballou coa terra e o mar durante xeracións mantén unha relación especial co seu país. Esta relación está a ser desafiada polos hábitos modernos e polas tendencias globais, pero cremos que esta comunidade máis ca ningunha outra pode dar exemplo aos demais sobre a importancia de protexer o noso medio e comprender que é a base da nosa calidade de vida e da seguridade das xeracións futuras: o noso terreo común.