1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12

Un paso máis cara á apertura da antiga ETEA á ciudadanía

Fundación RIA

Fundación RIA
Setembro 2023
Publicado na revista da Asociación Veciñal de Teis

Seguindo o convite da Asociación Veciñal de Teis para participar no número da súa revista, o equipo de RIA reflexiona sobre a importancia da planificación na futura sede do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Riós e o desenvolvemento deste proceso.

As vilas e cidades galegas padecen os resultados de desenvolvementos urbanísticos mal planificados das últimas décadas. Non todos estes desenvolvementos son froito de malas intencións, senón de procesos de planificación deficientes: dunha falta de corresponsabilidade e colaboración claras entre as partes involucradas.

Isto non sucede só en Galicia. A nosa sociedade contemporánea ten demasiada présa como para comprometer recursos e enerxía na planificación, mediante a análise das necesidades ou a reflexión conxunta. Existe a idea xeneralizada de que a planificación demora os proxectos. Con todo, as crises que estamos a sufrir non nos deixan outra opción: debemos coidar máis o que temos e protexer o noso futuro sendo máis respectuosos co noso pasado, co noso medio ambiente e cos nosos recursos.

Dicía Josep Bohigas, director da axencia de planificación estratéxica Barcelona Regional, que para obter unha boa resposta é imprescindible formular unha boa pregunta; é dicir: un bo proceso de planificación é a base fundamental na que sustentar un bo proxecto e un uso eficiente dos orzamentos públicos.

A Fundación RIA comezou a colaborar co Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC no ano 2019 deseñando, xunto ao seu equipo directivo, unha folla de ruta para estruturar os pasos que debía dar a institución para o traslado da súa sede actual de Bouzas ao futuro Campus Científico-Tecnolóxico do Mar que transformará a antiga ETEA.

O primeiro paso desta folla de ruta foi a análise de necesidades e a participación co obxectivo de identificar as demandas da investigación pero tamén da veciñanza de Teis, para comprender así as condicións do lugar e integrar axeitadamente os novos edificios na súa contorna paisaxística, social e urbanística.

Este proceso partiu dunha participación ampla e pormenorizada de todos os grupos de investigación que conforman o IIM mediante entrevistas, visitas e enquisas, que permitiron ao equipo de RIA determinar as necesidades dos diferentes grupos de traballo, entender a relación de funcionamento entre os distintos espazos utilizados, analizar as condicións ambientais que requirían os seus procesos, e entender os intereses e demandas do persoal para contribuír a unha mellora das súas condicións.

Buscouse tamén a participación doutras institucións de investigación e universitarias que potencialmente terán presenza na ETEA, como a Universidade de Vigo ou o Campus do Mar.

Así mesmo, o proceso abriuse á veciñanza de Riós, a través das entidades sociais de Teis, que permitiron entender a historia do barrio: o seu vínculo co mar e os estaleiros, os conflitos sociais derivados das grandes infraestruturas que transformaron o lugar ou a incómoda relación coa ETEA, sempre pechada á súa contorna. Estas conversas, estiveron constantemente incentivadas dende a dirección do Instituto, pretendendo que o proxecto non só respondese ás necesidades da investigación, senón que supuxera un proxecto exemplar, respectuoso co lugar, coa súa xente e coa súa historia.

O segundo paso na folla de ruta foi a redacción e aprobación por parte da Xunta de Galicia dun documento urbanístico, o Proxecto Sectorial (PS-2), que definiu a volumetría e condicións de implantación dos futuros edificios na parcela. As achegas da Asociación de Veciños de Teis foron fundamentais na redacción do PS-2 para favorecer a apertura da ETEA cara a Riós e reverter así a situación actual, na que as edificacións dan as costas ao barrio e bloquean a conexión con este.

O terceiro paso da folla de ruta foi a organización dun concurso público de arquitectura con intervención de xurado, o primeiro destas características impulsado polo CSIC, no que case corenta estudios elaboraron propostas para o novo centro de investigación.

O proxecto gañador do concurso foi elaborado polos navarros Pereda Pérez Arquitectos e MRM Arquitectos. [Imaxe 6, Imaxe 7, Imaxe 8] Da súa proposta, presentada baixo o lema De Terra e de Mar, o xurado destacou aspectos como a posta en valor do patrimonio existente, a boa adaptación á topografía da parcela—reducindo o impacto paisaxístico do conxunto—ou o emprego de solucións construtivas económicas con materiais de fácil mantemento.

Como colofón do concurso, tivo lugar unha exposición na ETEA os pasados 27 e 28 de xullo na que a veciñanza puido coñecer todas as candidaturas presentadas e que ademais supuxo unha gran oportunidade para dar a coñecer á sociedade o labor que fan o IIM e o CSIC, xunto coa importancia que un centro de referencia internacional da investigación mariña terá para o futuro de Vigo, de Galicia, e de todo o país.

Este xornal ofreceu á Fundación RIA a oportunidade para explicar o seu labor de coordinación e mediación neste proceso, que permitiu conxugar os intereses de todas as partes para definir as condicións dun proxecto consensuado. A través de exemplos coma o do IIM, queremos demostrar que os bos procesos de planificación poden alcanzar mellores resultados.

O equipo da Fundación RIA non quixese desaproveitar esta oportunidade para agradecer a todos os axentes a súa implicación, á propia veciñanza, ao IIM, ao Concello de Vigo, á Xunta de Galicia, ao CSIC, ao Goberno de España e á Unión Europea, por facilitar e impulsar un proceso que acadou un alto grao de consenso e que, sen dúbida, marcará un fito na historia de Teis e da investigación mariña.