Vamos á rúa
David Chipperfield
2 de abril de 2022
Publicado en La Voz de Galicia
A cuestión do tráfico nas pequenas cidades pon de manifesto os problemas de responsabilidade e as dificultades de gobernar de forma horizontal e non vertical. David Chipperfield reflexiona sobre iso no artigo de opinión publicado no xornal La Voz de Galicia.
Un dos retos aos que se enfrontan todas as vilas e cidades é o de controlar a calidade do desenvolvemento urbanístico de forma que se protexa e mellore a súa identidade única e o seu sentido do lugar. Nos últimos 40 anos, as cidades galegas sufriron unha perda de identidade como consecuencia dun desenvolvemento pouco controlado e da demolición indiscriminada de edificios históricos. Xunto coa mala calidade e a escala descontrolada das novas construcións, o factor que máis erosionou a integridade estética e social de tantas cidades foi a influencia do automóbil na configuración do espazo público.
Os planificadores deron prioridade ao coche por encima de todo. As rúas que antes eran espazos sociais convertéronse en autoestradas que cortan as cidades e as vilas pola metade, desprazando aos peóns a outro lado. O que non se ve comprometido polo tráfico en movemento, destrúese co aparcamento. A crueldade dun desenvolvemento que pon por diante o inmediato e as infraestruturas non só erosionou a identidade de moitas cidades, senón que tamén deteriorou as súas calidades sociais, degradou a importancia da rúa como lugar e a idea de espazo común.
Esta erosión do espazo público vese acentuada pola destrución do que poderiamos chamar o “solo público”. Se observamos calquera vila ou aldea galega antiga que evitase a destrución, veremos o papel que desempeñan os pavimentos e as superficies. Ao crear unha atmosfera de bo facer, consideración e atención cara aos detalles, revelan a importancia do espazo público e inflúen a nosa experiencia neste. Sistematicamente, estas superficies foron eliminadas ou tapadas con solucións brutais e pouco meditadas, que reducen o solo a unha horrible colaxe de tratamentos improvisados e totalmente descoidados. É unha actitude que se estende a todos os elementos que conforman o territorio común: sinalización, cables, iluminación e mobiliario urbano ou macetas colocados de modo arbitrario. Lamentablemente, este modo de facer non se cuestiona e normalizouse totalmente. Os procesos de licitación habituais na construción do espazo e dos equipamentos públicos non permiten elixir a mellor de entre varias alternativas. Sen suficiente reflexión ou estudo previos, estes procesos diríxense dun modo pechado e demasiado directo cara a unha única solución. Mesma coa crecente conciencia de que o noso futuro depende da protección da nosa contorna física e do mantemento dos principios da comunidade, parecemos incapaces de dar a este espazo público—o que nos une—a importancia que merece.
Neste contexto, é alentador ver as obras realizadas recentemente en Porto do Son. As sobrias pero coherentes melloras da zona portuaria da cidade son un importante exemplo da reconsideración do espazo público e do seu papel para a comunidade. Aínda que as obras son quizais pouco rechamantes en aparencia, son unha importante declaración de prioridades e un voto de confianza aos espazos que compartimos, o espazo que debería ser de todos pero que demasiado a miúdo trátase coma se non fóra de ninguén. É un proxecto que trata non só de recuperar o espazo público para a cidadanía mediante un control dos vehículos, senón que tamén demostra a importancia do lugar mediante unha coidadosa consideración polo “solo público”. Estes proxectos son difíciles non porque requiran unha enorme imaxinación ou financiamento, senón porque necesitan liderado, colaboración e coordinación de intereses que poden entrar en conflito. As preocupacións da administración local, de Portos de Galicia, dos pescadores, dos propietarios de tendas e restaurantes, deben ser tidas en conta e coordinadas con intelixencia e compresión.
Estamos sen dúbida nun novo momento de reconsideración da contorna natural, da contorna construída e da comunidade. No futuro, darase prioridade aos proxectos que aborden as nosas preocupacións sociais e ambientais: o financiamento europeo céntrase acertadamente neste tipo de iniciativas. Cando comecemos a darnos conta de que a calidade de vida está vinculada á calidade do lugar, social e da contorna construída, aprenderemos a tratar as nosas vilas e cidades con máis coidado e a fomentar unha cultura da planificación que sitúe estas preocupacións por diante de todas as demais.
O proxecto de Porto do Son mostra o que se pode conseguir se se combinan as forzas e téñense claras as prioridades. Con todo isto en mente, non hai que subestimar o papel dos arquitectos. A nosa profesión é a miúdo culpable de impoñer ideas e caprichos que non proceden, sen outra intención máis que mostrar a nosa creatividade antes que calquera outra consideración. A miúdo anímanselle aos arquitectos a desenvolver propostas que sexan máis notorias ou máis visibles. Pero iso non é boa arquitectura. Para ofrecer proxectos convincentes e duradeiros, fai falta valor por parte de todos os implicados para confiar nunha planificación meditada e un deseño coidadoso baseado na calidade das solucións e os materiais. O proxecto de Porto do Son é convincente porque demostra a importancia da colaboración necesaria para realizar unha obra deste tipo e que sen dúbida pode conseguirse noutros lugares.